viernes, 16 de enero de 2009

UN PASEO PARA ESPERTAR

Crónica de Redes:

O pasado día 8 de xaneiro, tras un curto Nadal, o instituto volveu e con el, os seus alumnos.
Foron unhas breves vacacións, pero moi boas (será certo iso de que o bo breve é dúas veces bo). A verdade é que foron estupendas e inesquecibles. Comezaran o venres 19 de decembro, xusto o día no que marchei cos meus compañeiros de bacharelato á Oviedo de excursión durante unha fin de semana. Acompañáronnos tres profesores: Paloma e Eva, de música, e Carlos, de Educación Física. Aínda que só tivemos tres días escasos, os soubemos aproveitar extraordinariamente grazas ós titores.
Entre as actividades que realizamos, unha das que máis me gustou foi o senderismo. Nunca na vida practicara dito deporte e alégrome de saber agora o que se sente ó facelo, pois gustoume moito. Os profesores escolleron o Parque Natural de Redes e en concreto a Ruta da Alba para levar a cabo a andaina.
Erguémonos cedo pola mañá. Non facía moito frío, mais todos sabiamos como tiñamos que vestirnos para ir á neve. Días antes da saída, os profesores aconsellárannos seguir a ‘‘Teoría das capas de cebola’’, é dicir, poñerse capas e capas de roupa para non xearse. Para almorzar, fomos a unha cafetería preto do hotel (había que encher o depósito antes de facer o esforzo). Inmediatamente, collemos o autobús e sobre as 12:30 xa estabamos en Redes.
É un lugar fermosísimo. Trátase dun Parque Natural que comprende os concellos de Caso e Sobrescobio. Sitúase no sector centro-oriental da Cordilleira Cantábrica, ó sur de Asturias. Foi declarado como tal en 1996 coa finalidade de protexer os seus valores naturais e paisaxísticos, así como ó obxecto de mellorar a calidade de vida da súa poboación, dirixidas especialmente ó mantemento das formas de vida tradicionais. A verdade é que non é para menos. A beleza chea de vida todo o lugar.
Nós fixemos a Ruta da Alba. Parece ser que, pola súa fermosura e fácil percorrido (tan só 14 km ida e volta), converteuse nun dos elementos máis importantes do Parque. A ruta empeza no pobo de Sotu de Agues.
En fila india comezamos o noso paseo. A medida que avanzabamos, parecíame un lugar moi tranquilo e pacífico. Un lugar para descansar e disfrutar, para apartarse do mundanal ruído. Todo era silencio agás o son do río, dos paxaros e das follas das árbores que movía o vento. Tras andar un pouco, deixamos atrás as casas de pedra e madeira e entramos no camiño. Ó principio, durante un bo tramo, o chan era uniforme e regular, pero canto máis avanzabamos más irregular se facía. Comezamos entón a pisar neve e xeo, o cal ía aumentando coa altura. Foi entón cando Carlos nos deu consellos sobre como debiamos andar. Creo que se non chega a ser por el eu máis dunha vez non só esvarara.
Polo camiño, ademais, puidemos contemplar verdadeiras belezas da natureza: o río e as súas cascadas, covas nas montañas, e diversos animais, coma cabras.
Despois dun par de horas chegamos por fin á nosa meta. Nós estabamos xa moi cansos, pero Carlos insistira en ensinarnos unha derradeira marabilla. Entón foi cando vimos a beleza da grande altura da montaña. Semellaba un acantilado.
Por fin demos a volta. Agora tiñamos que esquivar a neve e o xeo de novo, e eu case volvo caer. Todo era neve. Os prados estaban cubertos dunha preciosa e branca neve, que brillaba coa luz do sol matinal. A metade do traxecto de regreso paramos a comer un pouco (estabamos famentos de todo). Continuariamos o resto abaixo, nun lugar onde sentar e descansar as doídas pernas.
A verdade e que, en xeral, se nos fixo moito máis curto a baixada que a subida e iso que iamos que non podiamos máis nada. Por fin, chegamos ó pobo. Mentres uns comían dentro dun restaurante, outros o facían fóra, o importante era comer e repoñer as forzas. Nunca me soubo tan ben un bocadillo de lomo e queixo.
Xa eran as 16:30 e tiñamos que retornar ó autobús. Se nun principio xa tiña ganas de marchar do cansa que me atopaba, de verdade que logo, cando montei no autobús e vía como nos afastabamos do lugar, o que quería era quedar. O pasara moi ben.
Teño moitas ganas de volver. Foi unha experiencia incrible e interesante, todo grazas ós profesores. Espero facer pronto de novo senderismo.





MARÍA RODRÍGUEZ CARBALLO 2º A B.A.C.

No hay comentarios: