martes, 23 de febrero de 2010

CRÓNICA DA VIAXE A NEVE 2010 FEITA POL@S ALUMN@S

IES RÍO CABE-MONFORTE DE LEMOS, LUGO


Todo comezou fai xa uns meses cando, despois de certos rumores, preguntamos se se organizaría a excursión anual á neve, á cal, en principio dixérasenos que este ano non sería posible levala a cabo, pero como puidemos comprobar, iso non foi así.

Comezaron os preparativos, unha primeira reunión á que asistiron numerosos alumnos interesados na devandita excursión. Pasou unha semana, e confirmouse o número de participantes anticipando unha pequena cantidade para a reserva, sorprendentemente, a esa reunión non asistiu nin a metade de xente ca semana anterior. Semana tras semana, convocáronse reunións, e debido aos poucos que eramos, e que, en consecuencia, a nosa viaxe sería máis custosa, tívose en conta a posibilidade de unirnos ao outro instituto de Monforte, o cal tamén estaba a organizar unha viaxe semellante. E así foi, por decisión conxunta, xuntámonos ao IES Daviña Rei.

A data achegábase, e vendiamos rifas e camisetas para axudar a pagar a excursión.

Á fin chegou o esperado día para os alumnos de 1º Bach., Ciclos, profesores e tamén para os nosos compañeiros do outro instituto. Era 16 de Xaneiro, os últimos preparativos, revisar que todo estaba dentro da bolsa de viaxe, e á noite partiriamos, esperábannos unhas doce horas para chegar a Andorra.

16 de Xaneiro, once e media da noite. Despois de tanto tempo, chegou o momento, estabamos na estación de autobuses a punto de comezar a nosa aventura. Nerviosos, pero á vez felices, estabamos cos nosos familiares e amigos esperando o momento de subir ao autobús, metemos a equipaxe e por fin subimos. Cando xa estabamos todos arriba, organizados, entregouse a cantidade de 10 € como fianza, que se todo estaba en orde á volta, devolveríase, pero que no caso contrario, pagaríanse os estragos con eses cartos. Comezamos a nosa viaxe, xa estabamos de camiño, parariamos cada catro horas e esperábanos unha longa viaxe na que daría tempo a durmir, falar, rir...

Primeira parada, todo o mundo baixa do bus, uns esperan fóra, outros aproveitan para tomar un café..., pero case sen decatarnos, xa levabamos a terceira parte da viaxe, que a pesar de ser tan longa, coa ilusión, faríase levadeira. Continuamos a viaxe ao cabo de media hora aproximadamente, moita xente decidiu durmir, outra continuaba falando, tamén se escoitaba música..., e de cando en vez, os que durmían protestaban porque os que falaban non os deixaban durmir.

A ninguén lle urxía parar, así que, ata a hora de almorzar non fariamos a segunda e última parada, xa eran preto das oito da mañá cando pararíamos, xa era día 17. Na área de servizo, encontrámonos con outros grupos de Monforte e dos arredores, ao colexio Ferroviario e a algunha xente do hospital, entre outros, tamén lles esperaba unha semana de esquí.

Pasamos a fronteira despois dunhas horas, a todos os móbiles chegaban mensaxes para advertir de que cambiabamos de operadora, e paramos para comer e facer as nosas primeiras compras no "Centre Comercial Punt de Trobada", situado á entrada do país.

En realidade estabamos todos cansos, pero con toda a ilusión que tiñamos enriba non nos importaba, Xa estabamos en Andorra! Despois da breve parada no centro comercial dispuxémonos a coller outra vez o autobús para que nos achegase ata o Hotel (Hotel CIMS). Ao chegar repartimos os cuartos segundo o número de persoas que eramos, ao final, uns máis que outros estabamos todos contentos de poder durmir cos nosos amigos.

Inmediatamente despois de chegar ao hotel deixáronnos unha horiña máis ou menos para comer, xa que había xente que aínda non comera. Unha hora despois, a puntualidade brillou en toda a excursión, xa estabamos no autobús con intención de ir a polas nosas botas e esquís, empezaba a apreciarse o cansazo da xente, pero todo o mundo sorriu cando viu a primeira pista da nosa estación, El Tarter. A tenda onde alugamos o material, estaba a pé de pista, e rapidamente repartíronnos a cada un o seu material para a semana, cunha condición, tiñamos que recordar o número dos nosos esquís e das nosas botas. Remarcar tamén, que ao baixar de novo cara ao bus producíronse os primeiros bolazos de neve, algunha xente, nunca a tocara.

De volta de novo, no hotel, dixéronnos que tiñamos libre ata as 20.30 que ceariamos, así que, ás 20.30 todo o mundo no comedor estaba, todo todo non, sempre había os que chegaban tarde. Despois podíamos saír ata as 00.00 por aí pero a esta hora, os responsables profesores Carlos Parada e Xurxo pasaban lista para comprobar que ningún de nos se extraviara, todos chegamos puntuais, agás un par de días as dúas parellas da excursión, ás que se recibiu cunha grande ovación. Destacar a impresionante tarefa de Carlos Parada de manternos a todos e cada un de nós na mesma habitación que nos fora asignado aquela mañá.

O segundo día, foi dos máis graciosos, erguémonos e todos mostrabamos certa emoción. No autobús todos cantabamos Serafín, toda excursión ten unha canción, e nesta estivo presente Ataque Escampe con Serafín. Ao chegar á estación o que mais nos custou, foi o primeiro contacto coas botas..., sen dúbida, o peor da excursión. Cando xa estabamos todo preparados, os que esquiaran algunha vez, baixaron xa a primeira hora do día a súa primeira pista do ano, o resto, foi camiñando coas incomodísimas botas ata o punto de encontro. Alí, dividíronnos en grupos segundo o nivel.

No curso, Diego foi o primeiro en caer, case sempre caía el. Toti era o nome do noso monitor, dos principiantes ao principio, aínda que se puido notar un grande avance xa que ao día seguinte, xa baixabamos polas mesmas pistas que o seguinte nivel. En canto o monitor nos deixou libre, as clases eran de 10.00 a 12.00, xa empezamos a soltarnos e como non, deixáronse notar as primeiras caídas.

A comida era á unha en punto. E alí tiñamos que estar, se non, eran capaces de deixarnos sen comer! Ata as 17.00 podiamos seguir esquiando, así que, o pasamos moi ben e non tivemos ningún altercado en toda a tarde, se non contamos algún que outro moratón.

Ao chegar ao hotel, despois de esquiar e devolver o material á nosa Gaiola (Gaiola número 3), tiñamos libre como sempre ata as 20.30, algúns aproveitamos para as primeiras compras por Andorra e outros simplemente para pasear. Despois, a rutina de todas as noites, ás 00.00 lista, e Carlos a pasear polas habitacións ata asegurarse de que todo estaba en orde.

O terceiro día..., comezou ás 7.30, cando Carlos pasou polas habitacións a facer de espertador, para que ninguén se demorase ao ir a almorzar, xa que o día anterior case todos baixaramos tarde e non chegáramos moi puntuais ao curso. Xa nas pistas, e co noso monitor, contámoslle que a tarde anterior baixaramos algunha pista azul, cousa da que estabamos avisadísimos da mañá de que non podiamos, pero a aventura podía connosco. A Toti non lle pareceu mal, pero aínda así ensinounos como subir e baixar do telecadeira correctamente e baixamos a primeira pista azul coa súa compaña.

O resto do día transcorreu como sempre, comer, tempo libre nas pistas, hotel, paseo por Andorra, cea, e tempo libre ata as doce, ese día xa encontramos o pub onde iriamos o resto dos días, xa que, por ser menores a maioría, non nos deixaban entrar en moitos lugares a esas horas, xa que as leis en Andorra son moi estritas. Ese día tamén concretamos quen iría ao día seguinte á pista de patinaxe e o xoves a Caldea.

No hotel, podiámonos comunicar entre os cuartos polos balcóns, nos cales, as separacións estaban rotas e deixaban o paso duns cuartos a outros.

O cuarto día comezou tamén con Carlos funcionando de espertador ás 7.30. Está vez xa preguntabámoslle a Toti cando poderiamos baixar nosa primeira pista vermella, pero riase de nós. A Alejandro, que era o que máis insistía dicíalle " tu que querés baixar en camixa? " pero nada, Alejandro seguía insistindo, e rematou por chamalo o estudoso. Ese día levounos á estación de Soldeu esquiando e ensinounos como facer os nosos primeiros saltos e forapistas.

Ese día, volvémonos antes para o autobús xa que algúns de nós iamos patinar. Déronnos os patíns e o casco, e 2 horas por diante para patinar. Agás uns poucos que patinaramos antes, os outros ían pegadiños á parede, ao final, todos acabamos patinando soltos e sen problemas, ata había piques de coller velocidade e esas cousas. Aquí para non variar o que mais caeu foi Diego, aínda que houbo caídas para todos os gustos. Foi o día que rematamos máis cansos, xa que todo o día esquiando e logo dúas horas de patinaxe sobre xeo, cansan moito.

Á noite volvemos ao pub, ao cal, iriamos o Xoves cos profesores. Ás doce como o resto das noites, Carlos pasaba lista e á cama todos.

O xoves, comezou o día como de costume, pasou o noso espertador polos cuartos, todos en pé para baixar a almorzar, que por certo, alí os zumes lucían de por si, eran naturais 100%, logo fómonos ás pistas, xa había algún que outro que dicía estar lesionado para non esquiar xa que o cansazo podía con moitos, pero nada, en Caldea poñeriámonos como novos. Despois de comer, fomos a esquiar, sempre en grupos como se nos recomendara, e creo recordar, que comezou a nevar, pero todos nos puxemos os nosos lentes de ventisca e continuamos a aventura. Ao final da tarde, para baixar ao bus, xa todos eramos capaces de baixar esquiando pola pista azul que nos levaba ata a nosa gaiola.

Cando baixamos ao hotel, a xente aproveitou para comprar as últimas cousas, xa que era case o último día. Máis tarde, ceamos, pero antes do normal, xa que despois fomos a Caldea. Alí estivemos unhas dúas horas, percorrendo as piscinas, jacuzzi, saunas..., todo para relaxarse, xa que nos esperaba unha noite de festa, era o día no que nos deixaban saír ata máis tarde, ata as dúas e pouco. Antes de saír pola noite, acabamos de facer a equipaxe, xa que o venres á mañá tería que estar xa preparada.

Saímos, unha noite sen alcol, pero serviu para amosar que non é necesario para pasalo ben, aínda que ao principio todo o mundo se mostraba un pouco enfadado. Ao chegar a hora de marchar, puxémonos moi tristes, porque era a última noite no hotel e en Andorra. No hotel, os máis demorados, remataron as súas equipaxes, e cando tiñamos que ir algún cuarto a por algo que se nos esquecera, puidemos ver o profesor, Carlos, lendo un libro sentado nas escaleiras, para asegurarse de que todo o mundo permanecese no hotel toda a noite.

O libro debía de estar moi interesante, posto que alí se mantivo no seu posto de vixilancia ata as seis e media da madrugada, como puidemos comprobar, xa que esa noite moi pouca xente durmiu, era a última e non se merecía menos, había que aproveitala ao máximo.

O último día, o día do cansazo e da longa viaxe de regreso á casa. Estamos a falar xa do venres,o día comezou como de costume, non comezou exactamente, xa que para moitos era unha continuación do anterior, e mostra diso estaba en todas as nosas caras, nas que predominaban as enormes olleiras. Ao chegar ao curso, xa case non podiamos nin coas botas de esquí, e debido ao cansazo tivemos que contarlle a Toti todas as nosas aventuras desa noite, así que recomendounos baixar lentamente e sen movementos bruscos, pero esquiaríamos. Cando iamos subirnos a un telecadeira, o forfait, non nos permitía acceder a esas pistas, pero como eramos un grupo, o rapaz, díxonos que pasásemos, pero que era unha excepción.

En canto rematou o curso, xa case ninguén continuou esquiando, moita xente ata durmía enriba das mesas. Despois de comer, fixemos as nosas últimas baixadas, habíaos que xa baixaban negras, outros quedaban nas pistas vermellas, e moitos dos principiantes nas azuis, pero todos notamos o noso progreso neses seis días. Ás 4.30, chegou a hora de desfacerse do material de esquí, e tivemos que devolvelo na tenda que estaba enriba da nosa gaiola, a mesma da que o tomaramos prestados.

Ao chegar ao hotel, era o momento de ducharse, pero posto que era o último día, só tiñamos acceso a dúas habitacións, polo cal, duchámonos en quendas de cinco minutos, pero como non ía ser menos, o último día, a puntualidade tamén brillou polo seu esplendor, e as quendas de cinco fóronse alongando. Pero, como non podía doutro xeito, as rapazas remataron primeiro.

Despois fomos a cear por aí, nós ceamos xuntos nunha pizzaría no centro comercial, que estaban moi ricas. E desgraciadamente, chegou a hora de subirse ao autobús, xa que as bolsas de viaxe estarían xa metidas dende antes de cear.

Comezou a viaxe de regreso, esperábannos de novo unhas doce horas, que pasarían máis rápido xa que o cansazo se apoderara de nós nos últimos días e durmiriamos a maior parte do camiño. Ao subirnos ao bus, empezamos cantando a canción de Serafín, que nos acompañara toda a nosa excursión e xa a podiamos cantar de memoria, mesmo sabiamos outras cancións do CD. Fixemos as nosas paradas pertinentes, nas cales nos volvemos encontrar xente de Monforte, e antes de que nos decatásemos, xa estabamos en Quiroga.

Ao entrar en Monforte, camiño da estación de autobuses, volveu soar Serafín, para que non se nos esquecese en toda a nosa vida.

Con todo isto, rematouse a nosa semana branca en Andorra, pero unha cousa teño clara, e é que nunca se nos esquecerá, cada momento xuntos, os nosos compañeiros de viaxe, a xente que alí coñecemos, e nunca se nos esquecerá como esquiar. E con todo isto, quedarannos un montón de recordos que sempre irán acompañados de banda sonora:

"Serafín é un neofalante moi elegante:fala coa súa moza en reintegrado e co seu amante en inglés. Trae toliñas a todas as vellas cando aborda con elas o problema do País Vasco francés.
Xa mediou entre o taberneiro e o senegalés dos Cds. Presentoulle a unha celtarra un grei xentalla e tiveron aquel. Toda a xente aquí en Vista Alegre deixa de mollar no prebe cando aparece o marqués do bo facer. Con Serafín será a fin de tanto revés.
Serafín coñece no mundo a hostia de cousas: 50ETTs, 20 cargas e cada molusco dos que dan gusto e pracer. Trae toliñas a todas as vellas cando aborda con elas o problema do País Vasco francés
Serafín coñece ó cantante de Ataque Escampe. Saúdao sempre aínda que sabe das súas envexas e malas artes tamén. Cando a terra se volva redonda que lle rendan todas as honras ao marqués, ao marqués, ao marqués do bo facer. Con Serafín será a fin de tanto revés".




Marta Díaz Vázquez
Pablo Vila Díaz

1º BAC
IES Río Cabe

miércoles, 3 de febrero de 2010